jueves, 21 de enero de 2010

A MIÑA VIDA COMO FUTBOLISTA

Comecei a facer deporte coma tódolos rapaces cando estaba estudando E.X.B no Colexio de Bergondo. O deporte que se practicaba era fundamentalmente o fútbol . Eu non ía ser menos e decanteime polo balompé. Lémbrome que tiña un profesor que xogara no COMPOSTELA, CARLOS MOAR, que armaba verdadeiros partidos de fútbol nos recreos. El foi quen me indicou que no NOIA S.D. tiña pensado facer unhas probas de acceso. "Case que me obrigou a ir." Eramos un montón de rapaces para face-la proba. Eu no partido que xoguei tiña tantas gañas de agradar, que o mesmo sacaba córnes coma sacaba faltas, saques de banda, etc,etc. Parecía que xogaba só no meu equipo. O adestrador chamárame a atención por ese motivo e xa pensara que non me ía a seleccionar. Non foi así. Fun elexido e nese momento comezaba a miña vida coma xogador federado do NOIA S.D.

O paso polas diferentes categorías aparecerá desglosado por categorías e ilustrado cas súas fotos correspondentes.

ALEVINS

Tempada 79-80-. Foi o ano onde aprendín fundamentalmente aspectos técnicos e tácticos. Tiñamos unhas enormes ganas de aprender. Estaba de adestrador XOAQUIN FERNANDEZ ( o pai de NACHO ). Lémbrome que ese ano había tal cantidade de rapaces no NOIA que fixeran tres equipos para poder competir nunha liga de concellos limítrofes. Os equipos que formaban esa Liga eran o CRUIDO, ATALAYA, PORTOSIN, OUTES e o NOIA A, NOIA B e NOIA C. "Os mellores xogadores do Noia estaban no A". Eu estaba no B. Tiña de compañeiros a ( FRAN, NACHO, BENITO, URRUTI, TONO, PABLO... ). Eramos uns rapaciños que xogábamos moi ben ó futbol pero non tiñamos físico para poder facerlle frente os demáis equipos.
A verdade que este ano naceu unha xeración moi boa de xogadores .
A foto que ilustra esta nova é o NOIA B no estadio de SAN ALBERTO.

INFANTIS 1º ANO


Tempada 80-81. Foi o meu primeiro ano federado. Formamos un gran equipo ( ABEIJON, ABUIN, VILLA, OSCAR, PACO, FRAN... ). Xogábamos na Liga do Barbanza e quedamos campións dunha forma apabullante. De adestrador tiñamos a JOSE MARTINEZ. Metíamos moitísimos goles en cada partido. Lémbrome que ó CARREIRA de Riveira onde xogaban FRAN e XOSE RAMON ( xogadores que anos máis tarde serían pezas claves no DEPORTIVO DA CORUÑA ) metíamoslles verdadeiras palleiras. Este ano sufrira unha das máis decepcións da miña vida deportiva. "Quedáramos eliminados por penaltis co VISTA ALEGRE de Santiago na final da fase de ascenso a Liga Galega".
A foto que ilustra esta nova correspóndese con dito partido xogado no estadio do SOUTO en Padrón.

miércoles, 20 de enero de 2010

INFANTIS 2º ANO



Tempada 81-82. Tivemos un verdadeiro equipazo. ( NACHO, FRAN, SECHU, MANOLO, SUSO, JUANJITO, URRUTI, ...). De adestrador estaba JOSE O GRANDE . Estabamos encadrados no Grupo da Barbanza. Non había ningún equipo que nos fixera fronte. Lémbrome que na fase de campións metémoslle 7 goles ó COMPOSTELA. En ese Compostela o capitán do equipo era LUISITO o actual adestrador do RACING DE FERROL. Chegamos a congregar máis de mil persoas no mítico SAN ALBERTO. A nosa bestia negra era o VISTA ALEGRE de Santiago. Sempre disputábamos as finais perante eles e sempre perdíamos a penaltis. A foto que ilustra esta nova e a eliminatoria de semifinal perante o CALO. Nembargantes o máis positivo dese ano foi a nivel persoal. Quedei de máximo goleador, fun varias veces convocado pola SELECCIÓN DE SANTIAGO e unha vez fun xunto con FRAN a unha convocatoria da SELECCIÓN GALEGA a Coruña. Lémbrome perfectamente que houbera un representante da Coruña, chamado VICO, que lle ofrecera reiteradamente a miña familia a posibilidade de que fora a probar co BARCELONA. Rexeitei tal proposición porque ese representante non tiña moi bo cartel. Comentar que nese intre estaba de director na MASIA Ladislao Kubala. Ó facer tal rexeitamento nunca máis voltei ca SELECCIÓN GALEGA Ese tal VICO tiña negocios con MANOLETE, daquela seleccionador galego de fútbol infantil. -Pura coincidencia-.

XUVENIS



Tempadas 82-83 e 83-84. En xuvenís coincidimos practicamente tódolos xogadores que viñamos de infantís. Tivemos de adestrador a AMERICO e posteriormente a BARREIRO. O primeiro ano estivemos encadrados na Liga da Costa. Era unha liga na que había moitisima dureza, especialmente nos campos de LIRA, CARNOTA e MUROS. A pesares de todo quedáramos primeiros e tras haber unha restructuración pasamos ó ano seguinte a xogar a LIGA GALEGA. Xogamos perante o DEPORTIVO, CALASANCIO, COMPOSTELA... A verdade e que había un nivel moi alto. Baixaban tres equipos e nós fomos un deles. Pagamos duramente a inexperiencia e o escaseo da plantilla. Rematamos de antepenúltimos a un punto da salvación.
A foto que ilustra esta nova e no campo da Sarriana ( Lugo ) nun partido da Liga Galega.
Na tempada 83-84 o primeiro equipo do NOIA S.D estaba na Terceira División. Cheguei a disputar tres partidos con eles. Foron contra o PONTEVEDRA e LALIN en Noia e perante o OURENSE no Couto. Estaba de adestrador GERARDO. En Maio do ano 84 tiven que deixar o fútbol por unha lesión que me tivo apartado varias tempadas.

martes, 19 de enero de 2010

SENIORS



O Noia desaparecera por problemas económicos e no ano 1987 un grupo de xente na que estaban entre outros, PEPE BRENLLA ( D.E.P ) SAYAR, ESTANIS, PEPE RIAL ... voltaron a funda-lo equipo. O positivo deste proxecto era que tódolos xogadores eran de Noia. Estiven ininterrumpidamente dende a tempada 87-88 ata a 97-98. Empezáramos en 2º Rexional e arrasáramos . Chegamos a meter 138 goles. Gañáramos a LIGA e a COPA do SAR dunha forma abrumadora . O servidor deste blog foi quen de marcar na final da Copa do Sar o gol da victoria contra o Cacheiras no MUNICIPAL DE SAN ALBERTO. Gañáramos 1-0.
O ano seguinte en 1º Rexional tamén vencíamos folgadamente. Estes dous anos estiveran de adestradores SEGUNDO MARTINEZ e posteriormente INSUA.
Xogáramos a dous partidos contra o CORCUBION a fase de ascenso a REXIONAL PREFERENTE. En Noia gañáramos 2-0, empatando 1-1 en Corcubión.
Ó tercer ano xa estábamos en REXIONAL PREFERENTE. Empezou o ano adestrando ALFONSO DIEZ e acabou PEPIÑO.
Ese ano fora cando rematáramos de xogar en SAN ALBERTO porque ían a construir un centro educativo. Por certo, quen escribe foi o derradeiro xogador que meteu un gol en SAN ALBERTO. Foi contra a Sarriana. Gañáramos 1-0.
A foto que ilustra esta nova correspóndese con ese partido.
Despóis pasáramos a xogar ó actual estadio de San Lázaro. A pesares de que o primeiro ano rematáramos moi ben, o equipo empezou a desestructurarse. As cousas empezaron a ir mal. Empezouse a traer xogadores de fóra de Noia e non se lles pagaba. No equipo había moi mal ambiente. Desgraciadamente este é un problema habitual nos equipos modestos. Valórase máis a xente de fóra ca xente da casa. "Cabezas privilexiadas as dos dirixentes".
Estivemos varias tempadas seguidas en Rexional Preferente ata que na tempada 90-91 baixamos a primeira rexional por unha alineación indebida dun xogador noso. Estivemos no pozo da primeira rexional ata a tempada 92-93 na que xurdíu a figura de DOMINGO ERVITI.
Con este adestrador ascendemos a REXIONAL PREFERENTE e dende aquela o equipo mantense na mesma categoría. Chegamos a formar un equipo moi forte ( RAMON, MARIÑO, MARIO, CARLOS, PEDROSA, LUIS ALBERTO, TONO, etc, etc, ). Chegamos a xogar unha promoción de ascenso ó quedar cuartos na Liga. Perdéramos perante o CAMBADOS. O fito máis importante foi na tempada 94-95. Quedamos subcampións da COPA DIPUTACION . Eliminamos a equipos coma o IMPERATOR, LARACHA, CERCEDA e RACING DE FERROL. O R. de FERROL cando o apeamos da Copa ía de primeiro no GRUPO 1 da 2ºB. A final xogámo-la en Santa Isabel en Santiago perante o BETANZOS. Íamos empatados 1-1 ata faltando 15 minutos para remata-lo partido. O cansanzo e a inexperiencia foron claves na derrota. O final do partido 4-1 favorable ó BETANZOS.
Continuamos prácticamente os mesmos xogadores varias tempadas. Estar varios anos seguidos as mesmas persoas non é positivo. Provocou un desánimo e un desgaste moi grande en tódolos estamentos ( xogadores, directivos e socios ).
Na tempada 97-98 ABANDONO o NOIA C.F.

VETERANS


Dende a tempada 98-99 ata 00-01. Enroleime nese proxecto porque quería xogar ó fútbol dunha forma " menos profesional ".
A verdade que tiñamos un equipazo - GANDARELA, RAFA, FRAN, MARIO, SECHU, CAMPOS... . Estivemos varios anos loitando polo título con MADERAS RAMOS de Santiago, tanto na liga coma na copa. Destacar que no equipo de MADERAS RAMOS xogaban moitos xogadores que no seu día militaron no Celta e no Compostela coma no caso de PASSI, CORTES, TONO, MOURE, ARTEAGA, etc, etc. A pesares que lle disputábamos o título sempre había algún elemento externo que nos impedía gaña-la competición. Entre eses elementos externos estaban os árbitros que a maior parte das veces tiñan unha actuación absolutamente parcial a favor deles e outras veces a actuación caciquil da propia asociaciación que organizaba a competición.
A auga que colmou o vaso foi na derradeira liga que disputamos. Iamos primeiros e MADERAS RAMOS reclama alineación indebida dun xogador de ROMMEL DODRO no partido que perderan contra eles. A reclamación foi un chiste. "Presentárona fora de plazo e non se sabía quen presentara a reclamación. Nós impugnámos todo ese procedemento porque era nulo a tódolos efectos. A Asociación organizadora da competición esperou ata o derradeiro partido de liga para darlle a razón a MADERAS RAMOS. Foi absolutamente vergonzoso". O meu enteder esa Asociación ca cantidade de equipos que move mentres non dependa da SECRETARÍA XERAL PARA O DEPORTE non ten ningún futuro. Os recursos tennos que resolver en última instancia o COMITE GALEGO DE DISCIPLINA DEPORTIVA e nunca a propia asociación organizadora do campionato.
A pesares da rabia e impotencia que nos deu todo ese procedemento témoslle que dar as grazas a resolución da AGRUPACION DE VETERANOS de SANTIAGO porque a partir de aí rematou a miña vida como futbolista empezando a miña outra vida descoñecida ata entón....

....A MIÑA VIDA COMO ATLETA